Animamos a todos os nosos lectores e lectoras do centro a elixir algún título desta lista, aproveitando que chegan as festas do Nadal e decidádesvos a pedirlle a Papá Noel ou aos Reis Magos, que están á volta da esquina, un dos seguintes libros.
"Carabuñas"
OQO Editora- Margarita del Mazo & Charlotte Pardi
Aínda que resulte sorprendente, estamos ante o inicio dunha grande amizade: entre un bruxo que caza nenos para a súa despensa e a que ía ser a súa próxima vítima. Con todo, a intelixencia da pequena Branca evitará que Carabuñas a engula. Ademais, propiciará que a vida deste personaxe que nunca cortaba as uñas, dea un xiro de 180 graos.
"Oso Atrapabolboretas"
OQO Editora- Susanna Isern & Marjorie Pourchet
Oso vivía no bosque. O que máis lle gustaba era andar de paseo, botar unha soneca ao pé do lago e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores. Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama. Que podería facer con isto?
"O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico"
OQO Editora- Mercedes Carrión & Francesca Chessa
Perico estaba nervioso porque ía ir á escola por primeira vez. Ao cantar o galo, saltou da cama e, un por un, calzou os cen zapatos, puxo o chapeu, colocou as lentes, e saíu correndo. Pero... ai! chegou tan tarde que xa se foran todos... E isto non lle pode pasar a un cempés que queira ser sabio!
"Gato Vermello, Gato Azul"
Lata de Sal- Jenni Desmond
Gato Vermello e Gato Azul vivían na mesma casa. Gato Vermello estaba abaixo. Cada vez que se vían... non che era bo asunto. Nada bo. Mais ningún dos dous coñecía o desexo inconfesable do outro. Gato Vermello desexaba ser tan intelixente coma Gato Azul e... Gato Azul quería ser tan rápido e áxil coma Gato Vermello.
"Más Garabatos"
Coco Books- Taro Gomi
O autor rétanos a pintar, esborranchar e cavilar nun novo gran libro de 256 páxinas moi divertidas, sorprendentes e cunha nova estética.
Un excelente e entretido reto dirixido tanto aos máis cativos coma aos adultos.
"Toc Toc"
Editorial Galaxia- Pablo Díaz
Un mollo de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un libro-disco pensado para toda a familia para non parar de cantar e bailar.
"O estrambótico Principiño"
Bulubú- Pinto & Chinto
O Principiño de Antoine de Saint Exupéry permite á recoñecida e multipremiada parella Pinto & Chinto achegar aos máis pequenos (e aos seus maiores) este título clásico dende unha visión amena, chispeante e divertida. Un xeito perfecto de atraer posteriores lecturas ao orixinal.
"Madre solo hay una y aquí están todas"
Beascoa- Raquel Díaz Reguera
Un libro sobre os diferentes tipos de nais, perfecto para ler e compartir, escrito con grandes doses de tenrura, ironía e sobre todo bo humor. Percorre as páxinas deste libro e descobre á nai sarxento, a nai adiviña, a tecnolóxica, a creativa, a hippie ou a cantareira.
"A Guía Necsia"
Kalandraka- David Wapner & Marc Taeger
A fronteira entre o real e o imaxinario é a clave deste libro de anécdotas surrealistas, sucesos absurdos, situacións insólitas e misterios insondables. Cantas cousas sorprendentes acontecen no mundo!
"Más respuestas a las preguntas que nunca te has hecho"
Kalandraka- Philippe Nessman & Nathalie Choux
Por que hai sesenta segundos nun minuto? Por que un metro mide un metro? Por que os ingleses circulan pola esquerda? Que significan as letras SOS? Por que os nomes das notas musicais son do, re, mi, fa, sol, la, si?... Todas as respostas a máis de 100 preguntas que nunca te fixeches.
"Mondragó. El árbol del Banyán"
Editorial Everest- Ana Galán & Pablo Pino
Baixo unha chuvia intensa, Cale descobre que Murda e o seu primo Nidea raptaron a Mondragó. Só devolverallo se gaña unha xusta. Para iso, Arco ponse a armadura de Cale e enfróntase a Nidea. A pelexa é intensa; Arco, a pesar da axuda do seu dragón e a dun misterioso furón, está a punto de perder. O farsante Murda non está disposto a dicirlles onde se encontra Mondragó, pero o furón lles guía ata a cabana de Curiel e, moi preto de alí, no Lago Vermello, descobren que a seguinte semente está no banyán. Como poderá recuperala Mayo se a árbore está protexida por centos de pirañas famentas?
"O castañeiro de Abril"
Editorial Xerais- Antonio Manuel Fraga & Antonio Seijas
Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado sempre do seu can, Baltasar vende na praza soldadiños e bailarinas de madeira, labradas coa súa navalla, coa intención de xuntar cartos para reunirse co seu pai. A aparición na praza do Castañeiro de Abril provocará un xiro na súa vida e unha chea de acontecementos que trastornarán a vida da xente do seu barrio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario