jueves, 28 de enero de 2016

Animais na biblioteca

A maioría dos nenos e nenas son superfans de todo tipo de animais xa que son os protagonistas da maioría dos contos que lles len nas primeiras idades e dos debuxos animados que ven. Hai tempo que os autores comprenderon que sacar a escena osos, elefantes, xirafas, coellos, cans, gatos... é unha fórmula de éxito entre os máis cativos.
Na nosa biblioteca temos unha extensa lista de libros de ficción e informativos sobre animais. Aquí tedes as últimas adquisicións que seguro que vos gustarán moito.


Bestiario ilustrado por Ingela P. Arrhenius da editorial Coco Books. 32 láminas xigantes coidadosamente ilustradas e recompiladas nun libro magnífico onde se presenta unha selección de animais acompañados dos seus nomes nunha tipografía moi estudiada. O estilo da ilustración trasládanos aos anos 60 e 70, con ese aire retro que a converte en singular.



Considerado un dos mellores libros do ano e unha das maiores sensacións da literatura ilustrada europea, Animalium é un apaixonante percorrido gráfico pola historia da vida animal. Katie Scott e Jenny Broom, coma se de comisarias dunha exposición museística tratáranse, ofrécennos unha perspectiva totalmente preciosista das marabillas do medio natural.
Este libro publicado pola editorial Impedimenta é un impresionante museo que está sempre aberto e que alberga unha asombrosa colección de máis de 160 animais para visitantes de todas as idades.



Un conto de Eva Manzano que fala de lóxica, de realismo á vez que de abstracción, nun mundo onde as cousas existen e teñen nome, onde cada persoa, animal ou cousa ten o seu lugar e o seu espazo. Tamén quere aproximarnos á idea de saír airoso cando unha situación atrápanos presentándose escura e imbatible, de buscar nosas propias regras de xogo para non permanecer aletargados e de saber pedir axuda. 
Un álbum orixinal publicado por Thule edicións cunha historia atemporal para ser contado, oído, pensado e dialogado para pequenos lectores e non tan pequenos. Moi recomendable para realizar unha particular viaxe a través da cor, as emocións e cunha capacidade de lecturas infinitas.


Inventarios ilustrados de animais publicados pola editorial Kalandraka con textos de Virginie Aladjidi e ilustrados por Enmanuelle Tchokriel, cunhas fermosas ilustracións que fan que aumente a nosa capacidade de observación.
Dende os polos aos trópicos, por desertos e montañas, mares, bosques e granxas... estes libros reúnen centos de exemplares da fauna mundial.
Tamén axudan a fomentar a conciencia ecolóxica do lector posto que moitas das especies que aparecen neles están ameazadas (tigre, chimpancé...) ou, mesmo, en serio perigo de extinción (rinoceronte negro, foca monxe...) ou, o que é peor, outras desapareceron do seu hábitat natural, como o órix.

No hay comentarios:

Publicar un comentario