lunes, 16 de junio de 2014

Lecturas recomendadas para o verán


Aproveitando que a nosa última exposición na biblioteca "A volta ao mundo en 80 libros" tivo unha boa acollida por parte do noso alumnado, estas son as recomendacións que vos propoñemos. 
Coa inminente chegada das vacacións esperamos que a maxia da lectura non só non se esvaeza, senón que se multiplique. Felices lecturas rapaces!

Libros recomendados para Pre-lectores


"Atuendos" (Ed. Kóninos- Joëlle Jolivet)
Con este libro os máis peques aprenderán moitas cousas sobre as indumentarias de todos os países e de todos os tempos.

"Canciones infantiles y nanas del baobab" (Ed. Kóninos- Chantal Grosléziat & Elodie Nouhen)
A África negra en 30 cancións infantís. Un libro-CD que contén nanas, cancións de voda e de traballo, danzas e xogos cantados de dez países e once idiomas. Ao final do libro aparece un anexo informativo sobre as orixes, contexto cultural, xesticulación e instrumentación de cada canción.

"Tutankamón" (Ed. Parramón- Nuria Castellano & Sebastiá Serra) 
"Chámome Nebjeperure Tutankamón, pero podedes chamarme Tut. Seguro que o meu nome vos soa. Algúns de vós coñeceredes o meu rostro grazas á miña célebre máscara de ouro. Outros quizais tivestes a sorte de visitar a miña tumba en Exipto. Mesmo é posible que escoitástedes falar da maldición que me rodea. Ben, a cuestión é que fun famoso non só no meu tempo senón tamén no voso. Adiviñades a razón? Exacto! Eu fun un faraón do antigo Exipto..."

Libros recomendados para Primeiros Lectores


"El pequeño dragón Coco da la vuelta al mundo" (La Galera S.A. Editorial- Ingo Siegner)
Óscar, o amigo de Coco, foi secuestrado! O noso pequeno dragón, por suposto, decide liberalo. Pero, por onde empezar? Por sorte, encontra unha carta cunha pista que seguir. Esta levaralle a Londres, e de alí a París, e á China. Unha aventura extra-grande que inclúe, ademais, as verdadeiras cartas coas pistas, reais, escritas a man e cos seus sobres.

"O león Kandinga" (Ed. Kalandraka- Boniface Ofogo & Elisa Arguilé)
A tribo africana dos bantú conta a fábula do león Kandinga para explicar que a crueldade e o egoísmo conducen á desgracia a quen non comparte o que ten cos demais.

"Esto es París", "Esto es Londres", "Esto es Roma", "Esto es Nueva York" 
(El Patito Editorial- Mirslav Saek)
Marabillosos álbums ilustrados nos que o seu autor presenta un percorrido moi peculiar para cada unha destas cidades. Pinta os monumentos máis destacados pero tamén nos mostra os segredos, habitantes e cantos pintorescos dos lugares que describe.

Libros recomendados para Lectores Autónomos


"El gran viaje de Darwin" (Ed. Juventud- Mick Manning & Brita Granström)
A teoría da evolución de Charles Darwin cambiou para sempre a nosa concepción do mundo e o lugar que ocupamos nel. Este emocionante relato da vida de Darwin empeza coa súa fascinación adolescente pola natureza e mostra como elaborou as súas ideas grazas a esta viaxe épica arredor do mundo no HMS Beagle. Os lectores verán a Darwin explorar a selva brasileira, escalar os Andes, cavilar sobre as illas Galápagos...

"La vuelta al mundo en 80 días" (Ed. Destino- Gerónimo Stilton)
O clásico de Julio Verne libremente adaptado por Geronimo Stilton.Todo empezou case como un xogo, cunha aposta tola Phileas Fogg e o seu fiel Passepartout aceptan o desafío e prepáranse para a empresa máis extraordinaria e inesquecible de todos os tempos: a volta ao mundo en 80 días!

"Una cocina tan grande como el mundo" (Ed. Kóninos- Alin Serres & Zaü)
Caderno de viaxe e libro de receitas. Este libro lévanos a descubrir á vez paisaxes afastadas e sesenta receitas procedentes dos cinco continentes. Nenos e maiores podemos viaxar con el dende Chile ata Australia abrindo a ventá da nosa cociña de par en par.

Libros recomendados para Lectores Expertos


"Mowgli" (Ed. Edelvives- Maxime Rovere, Rudyard Kipling & Justine Brax)
Mowgli é unha adaptación de "O libro da selva", a obra de Rudyard Kipling composta por relatos e poemas independentes, que narra a vida dun neno criado entre as feras da selva. Maxime Rovere organizou e deu continuidade a todas esas pezas literarias nesta adaptación belamente ilustrada por Justine Brax.

"Viajar por el mundo" (Ed. Lonely Planet)
Todo o mundo sabe cal é a montaña máis alta do mundo, pero alguén sabe en que país está prohibido comer goma de mascar? Ou cal é a froita que ule peor? Ou quen inventou os patíns en liña? Ou que edificio está máis inclinado que a Torre de Pisa? Ou onde comen arañas fritas?
Un libro para espertar a insaciable curiosidade dos nen@s, para descubrir que o mundo é un lugar cheo de cousas divertidas e diferentes.

"75 consejos para sobrevivir en el campamento" (Ed. Alfaguara- María Frisa)
A vida aos 12 anos pode ser bastante difícil: a túa nai castígache sen razón, a túa mellor amiga enfádase contigo, namóraste dun rapaz que non che convén, metes a pata coas populares... Sara, a protagonista deste libro, axudaranos a sobrevivir ao verán con este divertido manual.

No hay comentarios:

Publicar un comentario