domingo, 22 de marzo de 2015

Semana Intercultural: somos unha marea de xente...

"Mensajes del agua" de Macaco será a canción que soará todos os días nos recreos e saídas na V Semana Intercultural organizada polo Equipo de Convivencia do noso centro.

"Somos una marea de gente, todos diferentes, remando al mismo compás..."



Aproveitamos que celebramos a Semana Intercultural esta semana no centro para recomendar unha serie de lecturas recén chegadas á nosa biblioteca e que grazas a elas podemos poñernos na pel de diferentes e variados personaxes que habitan diversos lugares e que nos fan vivir situacións que, de outro modo, quizais nunca viviremos.

"¡Hombre de color!" 
Jérome Ruillier - Editorial Juventud
"Yo, hombre de color, cuando nací era negro. Crecí siendo negro. Si tomo el sol o tengo miedo, o enfermo, sigo siendo negro. Mientras que tú hombre blanco, naciste sonrosado, si tomas el sol enrojeces y si tienes frío te vuelves azul. ¿Y tú me llamas a mí hombre de color?"
Un conto-poema transmitido de xeración en xeración pola tradición oral africana contra as expresións racistas, cheo de humor e tenrura.

"Me llamo Yoon" 
Helen Recorvits - Editorial Juventud
Yoon, unha nena coreana que emigrou a un país occidental non lle gusta ver o seu nome nun idioma que non é o coreano. Durante os primeiros días de escola, Yoon non se adapta, séntese soa e só pensa en volver a Corea coa súa familia. Pouco a pouco, chegará a comprender que quizais o diferente tamén poida ser bo.

"Tengo una muñeca vestida de azul"
Monserrat del Amo - Editorial Pearson Alhambra
Santi ten uns fantásticos padriños que o invitan a un safari por África como premio polas súas boas notas. Carmela, a súa irmá, é demasiado pequena para acompañalo e pídelle que lle traia unha boneca. Este encargo fará que Santi coñeza realidades diferentes á súa, que aprenda a ser sensible ás necesidades alleas e que, a pesar de ter só dez anos, sexa capaz de tomar decisións valentes cunha seguridade propia de rapaces maiores.


"La reina de los mares"
Monserrat del Amo - Editorial Pearson Alhambra
Kadina e a súa familia abandonan o seu país para iniciar en Europa unha nova vida.
Cando Kadina chega á escola, o neno do pupitre do lado intenta falar con ela. Aínda que cada un deles ignora a lingua do outro, os dous logran entenderse.


"Musiki"
Gonzalo Moure - Editorial SM
O protagonista desta novela, un pianista camiño do seu ensaio, chega tarde á súa cita. Non para de chover e o tráfico está cada vez máis conxestionado. En metade do atoamento achégaselle un neno negro, que está a vender panos. Pouco a pouco, o pianista comeza a imaxinar a historia dese neno e a súa imaxinación transpórtao a unha aldea no corazón de África. Alí vive Musiki, ao que alcuman así polo seu amor desmedido pola música. 

"Gente"
Peter Spier- Editorial Lumen
A través dun texto breve e suxestivo, apoiado en expresivos debuxos con estética de cómic e cargados de humor, o autor reflexiona sobre o paradoxo das diferenzas e similitudes que presentan, ao mesmo tempo, os seres humanos, vivan onde vivan. Fálanos de razas e de racismo, do belo e do feo, de festas e tradicións, preséntanos a personaxes históricos, fai referencia ás distintas linguas, aos oficios, etcétera.
"Niños del mundo en peligro"
Donald Grant - Editorial Juventud
As tres historias deste libro cóntannos a vida cotiá de catro nenos que viven en diferentes continentes, pero todos eles teñen un sono: poder facer o que deben facer todos os nenos do mundo, é dicir, xogar, ir á escola, ter unha casa e unha familia...
Un libro para falar dos dereitos dos nenos e reflexionar sobre as súas condicións de vida en países desfavorecidos.

"Mitos, cuentos y leyendas de los cinco continentes"
José Manuel de Prada Samper- Editorial Juventud
A fantasía dos seres humanos para crear mitos cos que explicar o mundo non coñece límites. Na tradición narrativa de numerosos pobos abórdase a orixe da terra e dos océanos, das estrelas e da bóveda celeste, da vida e da morte.
Esta obra ofrece unha selección de 32 relatos de distintas culturas dos cinco continentes, de lugares tan diversos como a selva amazónica, o deserto australiano ou as estepas de Siberia. Historias fascinantes e inesquecibles, dunha gran beleza poética.

Aquí tedes algúns dos nosos alumnos e alumnas máis internacionais falando da celebración da Semana Intercultural. Botade unha ollada ao vídeo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario