miércoles, 25 de noviembre de 2015

A pequena Alicia cumpre 150 anos!


Hai 150 anos un catedrático de Oxford chamado Charles Lutwidge Dodgson gozaba contándolle historias a tres nenas que eran as fillas do decano da súa universidade. Un bo día, Alice Liddell, a pequena delas, pediulle que puxese por escrito un dos contos. O obediente e humilde Lutwidge non puido dicir non. De feito tomouno moi en serio e pasou dous anos escribindo un impoluto manuscrito con máis dunha trintena de ilustracións que el mesmo debuxou.
O conto non é outro que  Alicia no país das marabillas e o seu escritor é coñecido mundialmente baixo o seu pseudónimo, froito dun xogo co seu nome orixinal que termina transformándose en Lewis Carroll. 
Biblioteca Británica en Londres celebra ao grande unha exposición para conmemorar o 150 aniversario da publicación deste relato que cambiou por completo o concepto de literatura infantil, que se abría á posibilidade de ser divertida e á vez pedagóxica.
Traducido a máis de 50 idiomas (desde árabe ata zulú) e ilustrado por infinidade de artistas (desde Dalí ata Disney), Alicia foi tema de varios concertos, dramas e películas... pero sobre todo moitos libros publicados con diferentes ilustradores desta obra controvertida. Para algúns é un relato de aventuras un tanto absurdas e para outros é sen dúbida, unha obra mestra.

Aquí tedes diferentes edicións que podedes atopar na nosa biblioteca sobre Alicia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario