martes, 1 de diciembre de 2015

Colección "Osiño" de Minarik e Sendak

A serie de libros de "Osiño" escritos por Else Holmelund Minarik  e ilustrados por Maurice Sendak   (publicadas por primeira vez en 1957 en EEUU e no Reino Unido en 1965) alcanzou millóns de vendas e chegou de forma moi especial a nenos e nenas de todas as nacionalidades. Como en tantos casos, esta serie comezou sendo escrita para a súa filla, baseándose no recordo da felicidade que sentía ao escoitar  os contos que lle contaban a ela mesma cando era nena. A súa alianza con Maurice Sendak para que lle ilustrase as súas historias non puido resultar máis eficaz. Texto e imaxes compleméntanse de maneira extraordinaria e fan do resultado unha creación deliciosa e inesquecible.


Non atopamos entre as páxinas historias trepidantes ou apaixonadas, nada diso. Son historias cheas de vida diaria, de agarimos tranquilos, de situacións moi próximas á infancia e  de sinxelos descubrimentos con sorpresas.
Se o texto supuxo un éxito, as ilustracións de Maurice Sendak son unha marabilla. Os libros convértense en algo moi especial cos seus delicados e fermosos debuxos que achegándose ao realismo narrativo, non deixan de ser pura imaxinación na que unha familia de osos compórtanse como unha clásica familia de humanos.


O protagonista é un osiño, cachorro encantador con boas intencións, que descobre o mundo que lle rodea: a súa familia, os seus amigos e o que sucede entre eles. Ten un gran parecido cos nenos e nenas máis cativos: o seu mundo é bondadoso, próximo e seguro, con Mamá Osa no centro. Papá Oso é pescador e pasa tempo fóra de casa co barco en alta mar pero a súa presenza na familia é de peso.
Cada libro da colección, que son cinco,  está composto por catro contos independentes, excepto "Un bico para Osiño", que é unha única historia chea de graza e encanto.
Agora xa podedes gozar na nosa biblioteca de toda a colección de "Osiño", traducida ao galego e publicada recentemente pola editorial Kalandraka.


No hay comentarios:

Publicar un comentario