Hai entradas que non custa nada escribir e esta é unha delas. A semana pasada visitamos o IES Manuel Murguía. Alí estaba esperando por nós unha das persoas favoritas desta biblioteca: a profe Isabel Maturana, coa que tanto aprendemos e que tanto está axudando a crecer aos rapaces e rapazas con espírito crítico e con amor polos libros e a literatura.
E con ela, algúns dos nosos Mini-Bibliotecarios que se están facendo moi maiores e, polo que vimos, a súa creatividade, ilusión e entusiamo segue sendo igual de grandes.
Con eles viaxamos ao máxico Mundo de Oz. Cun espantallo que non tiña cerebro aprendemos a pensar. Cun Home de Folla de Lata que buscaba un corazón deixamos sair os sentimentos. Cun león temeroso, enfrontámonos aos medos. Foi o camiño o que nos fixo encontrar a solución a todos os problemas porque, como dixo Miguel: "Non vaiades a Oz... O mago é un fraude"
Para o recordo quedan os poemas, os monólogos, os bailes e as cancións. Por mor dos dereitos de imaxe non podemos compartir as fotografías que fixemos, que quedan no noso baúl de recordos pero si podemos compartir a frase coa que rematou toda a exhibición: "Os Bibliotecari@s somos xente moi seria"... Ou non...
No hay comentarios:
Publicar un comentario