viernes, 24 de mayo de 2019

Anxo Carracedo na Biblioteca


Este venres foi un día moi especial na nosa biblioteca porque visitounos Anxo Carracedo. Era unha visita que levabamos tentando desde hai tempo... pero mereceu a pena a espera e o esforzo.  
Con Anxo viaxamos polo mundo do ADN e da investigación xenética. Aprendimos as letras do noso ADN e falamos de como se combinan en cada ser vivo seguindo as liñas dun libro que, no caso dos seres humanos, sería tan grande como a Torre de Hércules. 
Como mellor apréndese é facendo, así que Anxo sintetizou o ADN dunha fresa con utensilios que todos temos na cociña: unha batedora, un colador, un pouco de agua, lavalouzas Fairy, alcohol e zume dun bote de piña (eses que están en todas as casas galegas, por se cadra). Foi un momento máxico cando o nobelo de ADN da fresa empezou a subir nunha copa de champaña.



Pero o mellor de todo foi a oportunidade de falar con él sobre as enfermidades raras, o TEA e o cancro e de como dende esta esquina do mundo, o seu equipo intenta sumar esforzos loitando contra elas. 
Nunca foi tan fácil acceder a todo como neste século que lles toca vivir aos nosos pequenos e pequenas e nunca houbo tanto ruído como hai agora, que non nos deixa encontrar as voces que merecen a pena ser escoitadas. Anxo é sen dúbida unha delas pola súa traxectoria profesional pero sobre todo pola súa visión do mundo e a súa calidade humana.


Moitas grazas profesor, por facernos un oco na súa apretada axenda para pasar un rato con nós.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario