miércoles, 21 de octubre de 2015

Benvido Marty McFly!

«Estamos no século XXI, en Hill Valley, California. Son as 4:29 do mércores 21 outubro de 2015!». Así comeza a segunda entrega de "Regreso ao Futuro" (1989), unha película que se converteu en icona da cultura pop co paso dos anos e unha máquina de facer cartos grazas ás réplicas e a comercialización dos seus produtos estrela: o automóbil deportivo DeLorean e o patín voador co que Marty McFly logra camiñar sobre a auga.


Ese futuro xa está aquí: hoxe, mércores é o día sinalado. Sinalado por casualidade. Porque en 1985, cando se estreou a primeira parte da saga, a compañía non tiña pensado facer unha secuela. Pero o tremendo éxito da película inicial, na que os protagonistas viaxaban ao pasado, acabou xerando unha triloxía. Coa segunda entrega, iniciaron a viaxe ao futuro onde o seu director, Robert Zemeckis, imaxinaba un lonxano mundo no 2015 con videochamadas, prismáticos dixitais, multitude de canles en televisión, compras por internet, pegadas dixitais para abrir portas, coches e patíns voadores, control total do clima, barras de neón nos bordos da estrada, biocombustible...
Moitos dos inventos de Zemeckis na ficción fixéronse realidade a día de hoxe ou non tardarán moito en facerse pero... outros se quedaron en simples delirios ou soños aínda sen alcanzar.

Se aínda non vistes a película podedes vir buscala á biblioteca e así comprobaredes o que acertaron os seus protagonistas coas súas predicións.

Tamén están á vosa disposición outras películas dun dos produtores de "Regreso ao Futuro", o xenial Steven Spielberg, un dos directores máis recoñecidos e populares da industria cinematogáfica mundial.


No hay comentarios:

Publicar un comentario