viernes, 13 de mayo de 2016

Letras Galegas 2016


O Día das Letras Galegas de 2016 ten un nome propio: Manuel María. Imos achegarnos brevemente á súa vida e á súa obra. Mais non esquezades que o mellor xeito de descubrilo é lendo o que deixou escrito. Na biblioteca podedes atopar algúns dos seus libros.


Precioso libro infantil, ilustrado por Xaquín Marín, que conta a historia de Mimí, un gato manso, agarimoso e moi, moi presumido. Os ratos tíñanlle un medo enorme. Rato que se atrevía a aparecer na casa de Fiz pagaba moi cara a súa valentía. Mimí gastaba moito tempo diante do espello enfeitando o seu bigote que, igual que os seus ollos, é verde, azul e castaño. Enredaba moito co Fiz e, por deixarse levar do seu amigo, o Mimí tivo que medirse cos ratos.



Trátase dun relato engaiolante da vida cotiá de Manuel María, acompañado sempre da súa dona, Saleta Goi, mais tamén é un fermoso percorrido polas súas actividades como procurador, libreiro, editor, xornalista... Camiñante polos vieiros da terra e autor teatral, Manuel María foi, sobre todo, un poeta que saloucaba cando vía unha estrela. O volume complétase cunha cronoloxía da vida e obra, ademais dunha antoloxía de poemas, «Ferrados de corazón»



Unha das obras máis importantes e emblemáticas da poesía para nenas e nenos. Son 49 poemas que cantan, con "inocencia" e grande musicalidade, o mundo infantil vinculado á natureza, ás cousas, aos animais, ás persoas, aos paxaros...
Ilustrado por Noemí López.

"As rúas do vento ceibe" é outra das grandes obras de referencia da poesía infantil de Manuel María, ao lado de "Os soños na gaiola". Ten unha orientación máis urbana e introduce as nenas e os nenos no coñecemento de Galiza e da súa historia.
O libro está ilustrado por Xaquín Marín.

O protagonista desta historia, Manuel de Paderna, é un home que posúe o enfeitizo poético e o dominio da palabra, que fai parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, abrollar as fontes ou curar as persoas. Hai quen di que mesmo os paxaros suspendían os seus voos e ficaban inmóbiles no aire para aprenderen o seu canto e melodía...
Debuxo da capa: Leandro Lamas.
Unha globalidade de ritmos e estilos musicais para vestir os versos de Manuel María que abrangue desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e o rock pasando polos aromas da canción de autor ou os aires latinoamericanos do tango e o son cubano.
Os poemas escollidos son unha escolma dos seus libros de poemas para nen@s. A isto hai que engadir, ademais, unha creación propia de Magín e Uxía: ‘Todo me fala de ti’, canción na que dialogan co universo do poeta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario