lunes, 6 de marzo de 2017

Mulleres que nos inspiran

Aínda que non o pareza, a historia está infestada de mulleres marabillosas que lograron cousas incribles, pero que polo feito de ser mulleres non tiveron o recoñecemento que se merecían.

Esta semana na que festexamos o Día da Muller Traballadora, presentámosvos dous libros que nos fascinan. Neles atoparedes moitas historias de mulleres rebeldes que cambiaron o mundo; mulleres que se ataron a coleta e crearon inventos ou obras de arte, que lograron cumprir misións secretas ou defenderon pensamentos políticos, pero que, sobre todo, demostraron que só se necesita plantarlle cara á vida como auténticas estrelas de rock.


Irene Cívico e Sergio Parra fan un percorrido ao longo da historia de 26 mulleres que marcaron fitos en campos moi diversos. Os autores de "Las chicas son guerreras" detéñense en nomes de mulleres moi coñecidas: Mary Shelley, Audrey Hepburn, Frida Khalo ou Lady Gaga, pero tamén nos doutras mulleres que abriron o camiño á modernidade e son menos coñecidas como Nellie Bly, a primeira muller que deu a volta ao mundo en 72 días; Alice Guy, a primeira directora de cinema da historia; Valentina Tereshkova, a primeira muller que viaxou soa ao espazo; ou Nancy Wake, xornalista neozelandesa que se uniu á resistencia contra o nazismo despois de entrevistar a Hitler. Todas elas son mulleres que chegaron máis aló do que o machismo histórico permitiulles, e todas elas, desde Hipatia de Alexandría cos seus logros científicos ata Malala Yousafzai co seu Premio Nobel da Paz gañado aos 17 anos, son exemplos a seguir para superar as barreiras do mundo.
A linguaxe deste libro é bastante sinxela e clara polo que a lectura faise moi amena, con certos xiros humorísticos que contribúen a crear historias cun estilo áxil e dinámico.

As ilustracións de Nuria Aparicio poñen a "guinda" a este libro, dando cara, cor e movemento a estas mozas guerreiras, dándolles personalidade cunhas acuarelas marabillosas cun certo aire retro dos anos 40 e 50.




"Grandes Damas" é un orixinal xogo de damas no que cada unha das 24 fichas representa a unha gran muller e é ademais un libro de biografías, no que se narran en forma de conto as apaixonantes vidas e fazañas das nosas protagonistas. Todos os contos están acompañados dunha bonita ilustración de gran formato.
Todas estas mulleres, de diferentes lugares, tempos e culturas, foron capaces de superar as barreiras e crear a súa propia historia. Algunhas foron recoñecidas e forman parte da historia da humanidade pero moitas outras foron descoñecidas, ignoradas e mesmo escondidas. Aquí tedes algúns exemplos:



Frida Kalho (pintora), Gloria Fortes (poeta), Amelia Earhart (aviadora), Wangari Maathai (bióloga e Premio Nobel da Paz), Hipatia de Alexandría (pensadora e matemática), Mary Read (pirata).



Carmen Sarmiento (reporteira), Valentina Tereshkova (astronauta), Lilith (a primeira muller), Mari (a bruxa), Txaro Berzosa (cantante e compositora), Orella Tola (chamana).

No hay comentarios:

Publicar un comentario