martes, 20 de enero de 2015

Lecturas de osos na literatura infantil

Seguro que tod@s tivestes nalgún momento da vosa vida un osiño de peluche, compañeiro de mil batallas. O nome inglés "Teddy bear" (oso Teddy) provén de Theodore Roosevelt, presidente de Estados Unidos entre 1901 e 1909, quen rexeitou disparar a un oso nunha ocasión que fixo unha viaxe ao sur do país. Vouvos contar como sucedeu: Resulta que para entreter o presidente, os seus anfitrións organizaron unha cazaría e capturaron un oso vello, ferido e canso. Atárono a unha árbore para que o presidente lle disparase e tivese un trofeo "doado" que levar á casa. Roosevelt negouse a facelo e esta historia cruzou os Estados Unidos de norte a sur. Un vendedor de xoguetes chamado Morris Michton inspirado por esta historia decidiu coser un boneco: un rudimentario osiño de felpa con botóns nos ollos. Acababa de nacer o rei dos xoguetes.
O primeiro oso da literatura infantil foi Winnie the Pooh, pero outros moitos seguíronlle... Aquí tedes unha selección de lecturas de osos que habitan nos nosos estantes da biblio.


Pero o osiño máis famoso deste momento é Paddington, o oso 100% British creado por Michael Bond que sempre vai ataviado co seu chuvasqueiro azul e gorro vermello. O libro "Nuevas aventuras de Paddington" xa o podedes encontrar entre as nosas novidades.


Paddington converteuse hai anos nunha das iconas clásicas da cultura británica e por primeira vez salta das páxinas de papel á gran pantalla.
A película producida por David Heyman, produtor de Harry Potter e protagonizada por estrelas coñecidas como Nicole Kidman, está a ser todo un éxito en carteleira dende a súa estrea.
Se aínda non a vistes, podedes ver aquí o tráiler da película ou visitar a páxina oficial Paddington onde encontraredes moita información sobre a historia, libros, a película, noticias...

No hay comentarios:

Publicar un comentario