"La pócima mágica" é un deses libros que enganchan... E hoxe na biblioteca, ao coñecer á súa autora, descubrimos as razóns:
1. Elisa di que escribe para os nenos e nenas, non para os mestres ou os adultos. Escribe para a nena lectora que foi, aquela que adoraba a Peter Pan e aprendeu a entender o mundo co Principiño... Conserva esa mirada de nena que puidemos ver hoxe mentres nos contaba como é o seu mundo. Un punto para Elisa.
2. É optimista e gústanlle as persoas alegres. Por iso non se cansa de falar e contar historias que tanto nos gustan. Outro punto para ela.
3. Creceu no Bierzo e inspírase nas súas paisaxes para crear os escenarios das súas historias. Por que será que nos soan tanto?... Coincidencia?
4. Traballou nas aulas de Educación Infantil e en secundaria en aulas de inclusión de alumnado inmigrante, rodeada de nenos e nenas e con sensibilidade para escoitar e entender as nosas inquietudes e problemas. Ningunha pregunta dálle medo. E iso non pasa con todos os adultos.
5. Pensa que os nenos e as nenas somos iguais e podemos chegar todo o lonxe que queiramos.
6. Di que aínda non entende o mundo e que só sabe que non sabe nada... e moitos de nós sentímonos así.
7. Entende como ninguén o que é o medo para sentirse diferente, como Lucy e Pepón, e desexa que non sexan necesarias as apócemas nin os amuletos para non sentir ese medo, do que só nos libraremos cando aprendamos a aceptarnos e aceptar aos demais.
Por todo iso, "La pócima mágica" e Elisa son adictivos. Desexando ler "Regreso a Montecorona" e que chegue o Nadal para poder gozar de "La hechicera oscura" (entre nós... Elisa díxonos tamén como se chamará o cuarto libro da saga pero ese segredo quedará entre as paredes da nosa biblioteca)
Deixámosvos unha ligazón ao seu blogue: El país de siempre más lejos no que podedes preguntarlle o que quedou no tinteiro.
Grazas Elisa, por dedicarnos o teu tempo e axudarnos a descubrir a maxia dos libros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario