martes, 27 de enero de 2015

Datas para non esquecer na semana da Paz

Moitas veces celebramos datas que recordan grandes descubrimentos, obras de arte ou libros que cambiaron o mundo, feitos dos que os seres humanos debemos estar orgullosos.
Hoxe toca recordar un día que todos desexariamos que nunca tivese que existir: a liberación do campo de exterminio de Auschwitz.
Era o 27 de Xaneiro de 1945. Estaba a piques de rematar a Segunda Guerra Mundial. As tropas rusas achegánbanse a Alemaña e no seu camiño descubriron Auschwitz, un lugar onde reinou a morte durante cinco anos. Calcúlanse máis de un millón de víctimas, na súa maioria xudeus. 
Os poucos superviventes que quedan son agora xa moi maiores... Eles recordan hoxe e nós recordamos con eles para que a memoria do que nunca debeu suceder non se perda.

Queremos compartir convosco dúas historias moi especiais que poderedes encontrar na biblioteca para recordar esta data:
  • O libro "A Historia de Erika" que nos relata Ruth Vander Zee nun precioso conto ilustrado por Roberto Innocenti e editado por Kalandraka. Historia real e dura dunha supervivente do Holocausto que rememora o tráxico destino do que se librou cando tiña tan só uns meses de vida.
  • A película "O neno co pixama de raias", historia dunha inverosímil amizade entre dous rapaces que viven a ambos os dous lados do aramado dun campo de concentración (adaptación á gran pantalla da exitosa novela do mesmo nome escrita por John Boyne)


Erika creceu sen o amor dos seus pais biolóxicos, aínda que en realidade o amor que senten por ela lles fai tomar a decisión de tirala dende o tren que á morte lles levaba sendo só un bebé, a esperanza de salvala fainos emprender unha acción desesperada. Non obstante a pequena sálvase, e é acollida por unha muller que oculta a súa identidade, unha boa muller que a cría, educa e lle proporciona o que necesita.
Erika perdeu o amor da muller que a trouxo ao mundo, pero gañou un sólido fogar que a acompaña ata que se converte en adulta. Ela segue buscando o amor perdido e encontra un marido que a comprende e co que ten tres fillos.
Cando envellece faino rodeada da súa familia: marido, fillos e netos, aínda que segue preguntándose se a súa nai a abrazou e bicou antes de lanzala pola xanela, aínda que teña a incerteza de como foron os últimos minutos de vida dos seus proxenitores, ten esperanza, e a transmite aos seus netos, esperanza nun mundo mellor.



Berlín, 1942- Bruno ten oito anos e descoñece totalmente o significado do Holocausto. Non é consciente das crueldades que o seu país está a inflixir aos pobos de Europa. Todo o que sabe é que o seu pai ascendeu no seu traballo e que pasou de vivir nunha confortable casa de Berlín a unha zona illada na que non hai moito que facer e sobre todo ninguén con quen xogar. Pero todo cambia cando coñece a Shmuel, un rapaz que vive unha estraña existencia paralela ao outro lado do aramado e que viste un uniforme similar a un pixama de raias. A amizade de Bruno con Shmuel marcará o fin da súa inocencia infantil. Os seus encontros secretos desembocan nunha amizade con consecuencias asombrosas e desvastadoras.

Aquí deixámosvos un par de enlaces para máis información sobre Auschwitz:

- Así es Auschwitz 70 años después (FOTOS)

No hay comentarios:

Publicar un comentario