Algún de vós aínda non viu a fantástica película "El Origen de los Guardianes"? Pois para os que non a visen podedes xa pasar pola biblio e gozar con todos os libros orixinais nos que se basea o filme dirixido por Peter Ramsey.
"El Origen de los Guardianes" é unha grande aventura que conta a historia dun grupo de superheroes con extraordinarios poderes. Cando un espírito maligno chamado Pitch se propón inundar de medo os corazóns dos nenos de todo o mundo, os gardiáns únense por primeira vez para arreporlle e defender ao mundo do seu temido inimigo.
Estes libros cheos de maxia e aventuras, están escritos e ilustrados por Willian Joyce. A saga consta de dous libros ilustrados para os máis peques e de catro libros para lectores máis avanzados. Cada un deles está dedicado a un personaxe:
- "El Hombre Luna", o único supervivente da Idade de Ouro. O primeiro e gran Gardián. O Gardián contra os pesadelos, o Gardián da Infancia. Axudado polo seu fiel amigo, Luz Nocturna, toma unha decisión: eliminar a Sombra definitivamente. Para conseguilo, decide convocar un equipo moi, moi especial.
- "Nicolás San Norte", coñecerédelo mellor por Santa Claus. É o primeiro Gardián recrutado por "El Hombre Luna". Probablemente moitos non o sabedes, pero todos os Gardiáns teñen unha historia, un pasado que debedes coñecer. O de Norte é o máis escuro de todos. Xunto a el loitará fielmente unha nena incrible, a máis valente do Universo, Katherine.
- "Conejo de Pascua", coñecido amigablemente como Bunny. Quizais só pensades nel cando chega o tempo de buscar ovos de chocolate; pero debedes saber que coida dos nenos dende o principio dos tempos... e aínda máis atrás.
- "Hada de los Dientes", a Raíña e Gardiá dos recordos dos nenos e tamén dos nosos recordos, os dos adultos. Esquecestes todo o que fostes? Preguntádello a ela, axudaravos a recordar.
- "Sandy, el Creador de Sueños", a súa presenza durante o sono é garantía de felicidade e sorriso nocturno. O seu poder contra Sombra é infalible, sempre que creas nel.
A que esperades para vir a coñecelos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario