lunes, 23 de febrero de 2015

Un mar de emocións...

Algunha vez sentícheste tan triste que parecía que estabas nun pozo negro sen saída? ou tan enfadado que lle tiveses dado patadas a todo o que tiñas ao teu arredor? A que é moi difícil de explicar o que nos pasa ou saber saír desas situacións?
Cada vez é máis frecuente escoitar a noso arredor falar de Intelixencia Emocional. É doado explicar. É algo así como a capacidade que posuímos as persoas para manexar, comprender e traballar sobre as nosas propias emocións e as dos demais. Aquí van algunhas claves:
- É importante expresar o que se sente con palabras en vez de romper algo ou actuar violentamente.
- É importante poñer nome ás emocións. Cada emoción é diferente, é fundamental aprender a etiquetalas.
- É importante saber buscar solucións. Moitas veces son os adultos os que nos axudan a encontrar unha solución pero que os niñ@s tamén poden buscar as súas propias solucións. En ocasións pode ser suficiente con dar un paseo, facer unha actividade diferente ou ler un conto.

Á nosa biblioteca acaban de chegar dous estupendos libros para axudarvos a ser pacientes, participativos, empáticos... aprendendo así a recoñecer e regular as vosas propias emocións.


"El monstruo de colores" de Annallenas, axudaranos a poñer en práctica habilidades emocionais no cole e na casa. De xeito sinxelo desvela as cores dalgunhas emocións básicas: a alegría, a tristura, a rabia, o medo e a calma.
O Monstro de Cores non sabe que lle pasa. Fíxose unha lea coas emocións e agora tócalle desfacer a lea. A súa amiga axudarao a distribuír e colocar en distintos envases unha emoción diferente. Acompañámolos?
  • A alegría é... amarela. Brilla como o sol e pestanexa como as estrelas. É contaxiosa. Cando estás alegre bailas, sorrís, xogas, saltas... e queres compartila cos demais.
  • Pero cando estás triste queres estar só, escondido e non che apetece facer nada. A tristura é suave e nostálxica como a auga. Un pouco salgada como as bágoas. Parece azul.
  • A rabia arde candente e é feroz como o lume que queima forte e é difícil de apagar. Cando estás enfadado sentes que se cometeu unha inxustiza e queres descargar a rabia noutros.
  • O medo é covarde. Escóndese e foxe como un ladrón na escuridade. Cando sentes medo, vólveste pequeno e pouca cousa...
  • A calma é tranquila como as árbores, lixeira como unha folla ao vento. Cando estás en calma, respiras pouco a pouco e profundamente. Sénteste en paz.

"Emocionario" é unha proposta que é un exitazo total da editorial Palabras Aladas.
Este libro describe, con sinxeleza, corenta e dous estados emocionais cunhas ilustracións fantásticas para que nen@s e adultos aprendamos a identificalos, porque só cando podemos explicar con palabras como nos sentimos, podemos avanzar. Ira, compaixón, soidade, celos, confusión, admiración, nostalxia, pracer, tensión, asombro, medo, frustración, euforia, decepción... son algunhas das emocións recollidas e explicadas neste libro.
Ademais este fabuloso libro conta cunha serie de materiais gratuítos de apoio que serven para traballalo, están todos dispoñibles na páxina web do "Emocionario":
De maneira que se queredes emocionarvos vide á biblioteca e comprobarédelo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario