jueves, 29 de octubre de 2015

Guía aplicación de auto-empréstito

Xa está en marcha o servizo de auto-empréstito do programa Meiga instalado nun dos ordenadores da biblioteca que permite a todos os usuarios, tanto profesorado como alumnado do centro, realizar o procedemento de empréstitos e devolucións de materiais da biblio persoalmente, sen necesidade da intervención do Equipo bibliotecario.

O procedemento é moi sinxelo. Só necesitades traer os vosos carnés e seguir os seguintes pasos deste vídeo.


Para calquera dúbida, consultade coas profesoras encargadas da biblio ou cos nosos mini-bibliotecarios.

miércoles, 28 de octubre de 2015

DKarreT: microproxectos de fotografía analóxica


O noso compañeiro Alberto, profesor de Educación Física, está a poñer  en práctica unha xenial iniciativa este ano. Trátase de realizar un taller de fotos analóxicas en branco e negro co alumnado de 6º de Primaria durante os recreos, poñendo de novo en funcionamento o laboratorio de fotografía do centro. 
O proxecto dKrreT comezou, como non, o pasado venres, coa celebración do día da Biblioteca Escolar e xa está exposto o primeiro microproxecto no pavillón 1 (enfronte da biblioteca) para todos os interesados que queirades pasar a velo. 
Grazas Alberto! Seguiremos compartindo o teu entusiasmo pola fotografía.

sábado, 24 de octubre de 2015

Celebración do Día da Biblioteca 2015

Onte, 23 de Outubro, celebramos o Día da Biblioteca cunha xornada repleta de actividades para os distintos niveis ao longo de toda a mañá.


Durante as primeiras horas o alumnado de Educación Infantil asistiu á Aula de Contos á actividade "Teatro Kamishibai" (forma moi popular, desde hai séculos, de contar contos en Xapón). Os nosos mini-bibliotecarios foron os encargados de manexar o teatrillo de madeira e presentar as historias lendo distintos contos en varias sesións: "O Gato con Botas" (3 anos), "Dante, o Xigante" (4 anos) e "Gato Sol" (5 anos)



Os niveis de primeiro e segundo saíron ao exterior, en distintas quendas, á actividade "Libros a voar". 
Cada neno e nena elixiu un dos libros expostos en distintas mesas no patio para facer un BookCrossing (práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores que despois farán o mesmo).
Todos os libros eran expurgos da nosa biblioteca e todos eles levaban unha etiqueta da súa liberación.

Tamén se repartiron os carnés da biblioteca  para o alumnado destes niveis así como un tríptico para cada aula coas normas de uso, funcionamento e servizos da biblioteca.


Para o resto dos niveis houbo proxección de contos interactivos na biblioteca ao longo de toda a mañá en distintas quendas. Como este ano comezamos cun novo proxecto "Descubrindo Mundos" no que o alumnado de 3º e 4º traballará "Os Exploradores" e o alumnado de 5º e 6º "Os Polos", os contos elixidos da app Blue Planet Tales foron estes dous.


O primeiro, unha verdadeira historia de heroes que loitan contra os elementos para realizar unha fazaña escrita con letras de ouro nos libros de historia da humanidade. O segundo, unha aventura para súper homes que se converteu nunha das carreiras máis apaixonantes que realizou o ser humano.

Os nosos mini-bibliotecarios foron os encargados de presentar con gran entusiasmo o proxecto aos distintos niveis. 


jueves, 22 de octubre de 2015

Guía de usuarios da biblioteca

Con motivo da celebración do Día da Biblioteca, mañá entregaranse trípticos para cada aula coas normas de uso, funcionamento e servizos que ofrece a nosa biblioteca actualmente.

miércoles, 21 de octubre de 2015

Visita das Escolas Unitarias de Arteixo

Hoxe tivemos unha visita moi especial... Viñeron as profes e os nen@s das Escolas de A Lagoa, Roris e Larín a visitar a nosa Aula de Contos de Infantil e pasar o día con nós. As profes Ana e Montse estrearon o novo teatro Kamishibai contanto unha versión do "Gato con Botas". Despois de xantar, compartiron o recreo cos nen@s do noso centro. Xa temos amigos novos... e para que non nos olviden, levaron un pequeno colgante coa nosa mascota Brociños.
Moitas grazas as profes Cira, Rocío e Mari Carmen. Repetiremos no futuro...

Benvido Marty McFly!

«Estamos no século XXI, en Hill Valley, California. Son as 4:29 do mércores 21 outubro de 2015!». Así comeza a segunda entrega de "Regreso ao Futuro" (1989), unha película que se converteu en icona da cultura pop co paso dos anos e unha máquina de facer cartos grazas ás réplicas e a comercialización dos seus produtos estrela: o automóbil deportivo DeLorean e o patín voador co que Marty McFly logra camiñar sobre a auga.


Ese futuro xa está aquí: hoxe, mércores é o día sinalado. Sinalado por casualidade. Porque en 1985, cando se estreou a primeira parte da saga, a compañía non tiña pensado facer unha secuela. Pero o tremendo éxito da película inicial, na que os protagonistas viaxaban ao pasado, acabou xerando unha triloxía. Coa segunda entrega, iniciaron a viaxe ao futuro onde o seu director, Robert Zemeckis, imaxinaba un lonxano mundo no 2015 con videochamadas, prismáticos dixitais, multitude de canles en televisión, compras por internet, pegadas dixitais para abrir portas, coches e patíns voadores, control total do clima, barras de neón nos bordos da estrada, biocombustible...
Moitos dos inventos de Zemeckis na ficción fixéronse realidade a día de hoxe ou non tardarán moito en facerse pero... outros se quedaron en simples delirios ou soños aínda sen alcanzar.

Se aínda non vistes a película podedes vir buscala á biblioteca e así comprobaredes o que acertaron os seus protagonistas coas súas predicións.

Tamén están á vosa disposición outras películas dun dos produtores de "Regreso ao Futuro", o xenial Steven Spielberg, un dos directores máis recoñecidos e populares da industria cinematogáfica mundial.


lunes, 19 de octubre de 2015

Día da Biblioteca 2015

Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca. A proposta xorde da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico.
A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

O vindeiro venres, día 23 de outubro, imos celebralo por adiantado e para iso organizamos algunhas actividades relacionadas co proxecto que propoñemos para este curso escolar "Descubrindo mundos".
Esperamos a asistencia de todos vós!


jueves, 15 de octubre de 2015

Vivos e mortos nunha engaiolante historia culinaria

A escritora viguesa Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta", ilustrado por Víctor Rivas e publicado pola editorial Xerais en 2014. Este título xa obtivera o Premio Merlín, o Premio Fervenzas Literarias, o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores, e foi incluído na Lista de Honra do IBBY para 2016.
Segundo o xurado, é "unha obra extraordinaria, humorística e rompedora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual que destaca tamén pola súa fácil lectura, polo seu humor arrepiante, e pola habilidade para desmitificar o mundo da morte".


Pois aos que lle comprace descubrir novos sabores e pasar  un intre repleto de gargalladas provocadas por uns personaxes verdadeiramente entrañables, vide á  biblioteca a lelo.
Quen non ten curiosidade por coñecer a historia na que se encontran un rapaz de dez anos que ansía ser un gran chef?, unha cociñeira falecida no século XIX e a súa arrepiante araña con acento francés?, un avó encoveirado que viste como un rapazolo e compite nas carreiras de bólidos? o tirano Amanito que morrera tras inxerir unha Amanita Phalloides? ou Nicotina a esqueleta con gravata que conduce o mortobús que comunica o Máis Acá co Máis Alá?
Veña rapaces, bo proveito!

jueves, 8 de octubre de 2015

Literatura Infantil española na White Ravens 2015

Os libros seleccionados para o catálogo White Ravens, que cada ano elabora a Internationale Jugendbibliothek (International Youth Library), xa se deron a coñecer. Un catálogo formado por 200 títulos procedentes de 55 países e escritos en 36 linguas diferentes. Todos publicados o ano anterior e que, polas súas características (temática, innovación artística, estilo literario, deseño...) merecen ser destacados.

Os libros seleccionados de España nesta edición son os seguintes:

  • Mi pesadilla favorita: María Solar (texto) y María Lires (ilustracións)
    Madrid: Siruela, 2014
  • Polvo de roca: Nono Granero (texto) y Géraldine Alibeu (ilustracións)
    Barcelona: A Buen Paso, 2014
  • Feliz Feroz: El Hematocrítico (texto) y Alberto Vázquez (ilustracións)
    Madrid: Anaya, 2014
  • El tesoro de Barracuda: Llanos Campos (texto) y Juliá Sardà (ilustracións) Madrid: SM, 2014
  • Ícaro: Federico Delicado (texto e ilustracións)
    Madrid: Kalandraka, 2014
  • Un cóndor en Madrid: Paloma Muiña (texto) y Mercè López (ilustracións)
    Madrid: Edelvives, 2014
  • La vaca Victòria: Nono Granero (texto e ilustracións)
    Santander: Milrazones, 2014

Todos estos libros podédelos localizar na biblioteca. Aínda que todos eles son xeniais nós xa temos o noso favorito. E vós?


Podedes consultar a listaxe e as reseñas de cada un, así como o resto de seleccionados na súa web.

jueves, 1 de octubre de 2015

"Barxilón no mar de Latón"

A finais do curso pasado recibimos no noso centro o libro "Barxilón no mar de Latón". Este álbum ilustrado é o resultado do proxecto educativo "Porque un libro é unha obra de arte", gañador do I Proyecta Innovación, otorgado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega. Trátase dunha gran experiencia didáctica, interdisciplinar e creativa baseada na creación e xestión dunha editorial no IES As Barxas de Moaña que tiveron o detalle de compartir con nós.

Dende a nosa biblioteca queremos aproveitar para darlles as grazas polo agasallo desta "obra de arte" e animar a todo o profesorado e alumnado que iniciou este proxecto a publicar moitos máis!


Se queredes máis información relativa á experiencia, podedes atopala no blog do proxecto: Barxas emprende: Creación de una Editorial ou na WEB de Barxilón

Día Internacional da Non Violencia

Deixámosvos este estupendo material elaborado pola nosa compañeira Tere Gantes, integrante do Equipo de Convivencia do centro onde poderedes atopar información sobre o día que se celebra mañá: por que se celebra o Día Internacional da Non Violencia?, que é o bullying?, que tipos de violencia escolar hai?...